Monday 13 de May de 2024

O concello de Laracha crea o espazo de participación da infancia e a adolescencia


Favorecerá que os nenos, nenas e adolescentes trasladen as súas necesidades, inquedanzas e propostas de mellora para o municipio

A principios de ano, o Concello da Laracha iniciou o proceso de elaboración dunha diagnose e un Plan Local da Infancia e da Adolescencia, así como a posta en marcha dun mecanismo para a participación das nenas, nenos e adolescentes. Este conta coa pretensión de consistir nun espazo no que a infancia e a adolescencia poida trasladar as súas necesidades, inquedanzas e as súas ideas de mellora para A Laracha, resultando nunha canle bidireccional entre o Concello e os nenos e nenas escollidos polos seus iguais como “conselleiros”.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais, Igualdade, Emprego e Promoción Económica, Rocío López, destacou que “a creación deste espazo suporá un gran avance para o garante do dereito á participación das nenas e nenos, o cal contribuirá a unha mellora non só do seu benestar, senón tamén ao do conxunto da cidadanía”. Así mesmo, incidiu que este fito tamén permitirá que o Concello da Laracha se postule como municipio candidato ao recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia que outorga Unicef.
Neste proceso foi clave a colaboración dos centros educativos, e así foi que para dar a coñecelo e para identificar as necesidades e as propostas da rapazada, foron realizados encontros participativos cun total de 14 grupos do CEIP Alfredo Brañas, CEIP de Caión, CEIP Otero Pedrayo e IES Agra de Leborís, contando coa participación de 266 alumnos e alumnas. Tras a celebración destes encontros nas aulas, cada grupo escolleu aos seus dous representantes para formar parte do incipiente Espazo de Participación da Infancia e a Adolescencia, sendo elixidos un total de 31 nenos e nenas, pertencentes aos cursos de 5º e 6 de Educación Primaria e 1º de Educación Secundaria Obrigatoria

Celebrouse o encontro de constitución do Espazo de Participación

Esta xornada tivo lugar este martes 20 de xuño ás 17:00h na Biblioteca Municipal da Laracha. Presentou unha finalidade dobre: por unha parte, que o conxunto dos nenos, nenas e adolescentes puidesen presentarse entre si, e, por outra, dar por constituído este Espazo de Participación, sendo presentadas algunhas cuestións básicas para o seu funcionamento. A este encontro asistiron as rapazas e rapaces escollidos como representantes polos seus iguais, e, en calidade de oíntes, as súas familias e o persoal docente dos seus centros educativos. Así mesmo, contou coa presenza do Alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a Concelleira de Sanidade, Servizos Sociais, Igualdade, Emprego e Promoción Económica, Rocío López Rey.

Nesta xornada, os nenos e as nenas recibiron o seu correspondente diploma que acredite a súa calidade de “conselleiro”, como forma de tomar posesión da súa responsabilidade, así como lles foron entregados uns obsequios polo seu compromiso coa mellora do municipio. De feito, na rolda de presentación realizada, a contribución a mellorar A Laracha foi a máis recorrente, así como a de representar os intereses do conxunto de nenos e nenas do municipio. Por exemplo, unha das nenas mencionou que o que lle motivou a participar neste Espazo consiste en “darlle voz aos meus compañeiros e compañeiras de clase, e aportar ao concello, xa que todas e todos nos veremos beneficiados por esas melloras”. Tamén se fixo fincapé na necesidade da participación infantil; así, un neno incidiu na importancia de “que se teña en conta a nosa opinión [a dos nenos, nenas e adolescentes]”.

FOTO DOS CONSELLEIROS E CONSELLEIRAS DO ESPAZO DE PARTICIPACIÓN XUNTO CO ALCALDE JOSÉ MANUEL LÓPEZ VARELA E A CONCELLEIRA ROCÍO LÓPEZ REY
Procederase á validación da diagnose da situación da infancia e da adolescencia
De forma paralela á creación deste espazo, vén elaborándose unha diagnose sobre a situación da infancia e a adolescencia, abordando cuestións referidas a, por exemplo, os recursos e servizos educativos dispoñibles no municipio, aos equipamentos e as actividades culturais e deportivas dirixidas a estas idades, á súa mobilidade e á seguridade viaria, ou ao uso do espazo público. Esta análise, que constituirá o punto de partida para a elaboración do I Plan Local da Infancia e a Adolescencia, será presentada ao persoal das diferentes áreas e departamentos do Concello da Laracha nun encontro que terá lugar o xoves 22 de xuño.
Esta diagnose, segundo Rocío López, quen destacou o carácter participativo da mesma, “contribúe a un maior coñecemento das necesidades e retos que ten o municipio para a mellora do benestar social da poboación infantil en particular e da cidadanía larachesa en xeral”.